Un programa integral de divulgación científica arredor da exposición, aberto a todos os públicos e con actividades especialmente deseñadas para centros educativos.
O programa de actividades complementa a exposición principal con visitas guiadas, obradoiros infantís, conferencias científicas, cinema e materiais didácticos elaborados especificamente para centros educativos galegos. A participación nas actividades será gratuíta, previa inscrición cando así se indique.
Visitas Guiadas Escolares
Programa de visitas guiadas para centros educativos galegos. O persoal guía — alumnado voluntario do Campus Terra — recibirá formación específica impartida polo gabinete pedagóxico do Museo Nacional de Ciencias Naturais (CSIC) e polos comisarios da exposición.
A exposición «Wallace e a orixe das especies» inaugurarase o 17 de setembro de 2026 cun programa especial que combinará unha visita comentada á exposición, música, o acto institucional e unha conferencia inaugural a cargo de Borja Milá, comisario da exposición e investigador do CSIC.
Como influíu a teoría da evolución na ciencia, na sociedade e na nosa maneira de comprender a natureza humana? Este ciclo propón achegarse a algunhas das grandes cuestións relacionadas coa evolución a través do cinema. Catro películas de épocas e xéneros diferentes servirán como punto de partida para reflexionar sobre a evolución humana, o conflito entre ciencia e relixión, a recepción social das ideas de Darwin e as implicacións éticas dos avances da xenética.
Cada sesión incluirá a proxección da película e un coloquio posterior moderado por especialistas en xenética e evolución da Universidade de Santiago de Compostela.
Un ciclo de cinco conferencias divulgativas no que especialistas de recoñecida traxectoria achegarán diferentes perspectivas sobre a evolución, a selección natural, a biodiversidade e a historia do pensamento evolutivo. O público poderá afondar na figura e no legado científico de Alfred Russel Wallace, na súa relación con Charles Darwin e nalgúns dos grandes temas que contribuíron á nosa comprensión da evolución.
Xornada de carácter científico dirixida especialmente á comunidade universitaria e investigadora — alumnado de grao, mestrado e doutoramento, profesorado e persoal investigador —, así como a outras persoas interesadas en xenómica e epixenómica.
A xornada «Do naturalismo aos xenomas: o rexistro da evolución» reunirá no Campus Terra seis especialistas de prestixio internacional para abordar a evolución á luz dos avances máis recentes en xenómica e epixenómica: a orixe de novas especies, a regulación xenómica, a adaptación de poboacións con baixa diversidade xenética e a posible transmisión de marcas epixenéticas entre xeracións.
Axenda
As conferencias, de carácter divulgativo, están abertas a toda a cidadanía e abordarán cuestións relacionadas coa evolución, a xenética, a biodiversidade e a comunicación científica nun formato accesible para públicos non especializados.
Entre os participantes previstos figuran especialistas vinculados á Universidade de Santiago de Compostela e ao Museo Nacional de Ciencias Naturales (CSIC).
A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible.
Material Didáctico
O grupo de investigación RODA (GI-1667) é un grupo de investigación interdisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela especializado en educación e innovación educativa. A súa actividade céntrase no desenvolvemento de competencias científicas, lingüísticas, matemáticas e sociais.
No marco deste proxecto colabora no deseño das propostas didácticas e dos recursos educativos da exposición.
Niveis educativos
Documentos dispoñibles
Material de traballo previo e posterior á visita á exposición. Actividades, preguntas de reflexión e recursos complementarios para o aula.
Material para Bacharelato con contidos avanzados sobre evolución, xenética de poboacións e bioxeografía.
Cuaderno de actividades para os obradoiros infantís. Deseñado para que os máis pequenos descubran a natureza como exploradores.
MIHL · Lugo · 2026
Para reservas de grupos escolares, información sobre actividades ou solicitude de material didáctico, ponte en contacto co noso equipo.