O home que, ao mesmo tempo que Darwin, descubriu o mecanismo que explica a evolución da vida na Terra.
Quen foi Wallace
Alfred Russel Wallace (1823–1913) foi un dos grandes científicos do século XIX. Naturalista, explorador e xeógrafo galés, dedicou a súa vida a percorrer os lugares máis remotos do planeta en busca de respostas sobre a orixe e a distribución das especies..
De orixe humilde —naceu en Usk, Gales, nunha familia con poucos recursos—, Wallace foi autodidacta na súa formación científica. Sen acceso a unha educación universitaria formal, converteuse nun dos naturalistas máis brillantes e prolíficos da súa época.
A súa gran contribución á ciencia chegou en 1858, cando, enfermo de malaria nunha illa do arquipélago malaio, formulou de maneira independente a teoría da selección natural como mecanismo da evolución, a mesma idea na que Charles Darwin levaba máis de vinte anos traballando. Hoxe, Wallace é recoñecido como un dos pais da teoría da evolución e unha figura fundamental para comprender a biodiversidade e a historia da vida na Terra.
As grandes expedicións
1848 – 1852
Entre 1848 e 1852, Alfred Russel Wallace percorreu as selvas da Amazonia e o río Negro acompañado polo naturalista Henry Walter Bates. Durante catro anos exploraron territorios apenas coñecidos pola ciencia europea e reuniron miles de espécimes de plantas, insectos, aves e outros animais, moitos deles descoñecidos para a ciencia da época.
Ao regresar a Inglaterra en 1852, o barco no que Wallace viaxaba incendiouse no medio do Atlántico. Gran parte das súas coleccións, notas de campo e debuxos perderonse para sempre. A pesar deste duro golpe, Wallace non abandonou a súa vocación científica e poucos anos despois emprendería unha nova expedición ao arquipélago malaio, onde realizaría os descubrimentos que o converterían nunha figura clave da historia da ciencia.
1854 – 1862
A gran expedición da súa vida. Durante oito anos percorreu centos de localidades e numerosas illas do actual Indonesia, Malaisia e Papúa Nova Guinea. Recolleu 125.660 espécimes e contribuíu á descrición de centos de especies novas para a ciencia.
Foi durante esta expedición cando formulou a teoría da selección natural como mecanismo da evolución e identificou a célebre Liña de Wallace, unha fronteira biogeográfica que separa as faunas de Asia e Australasia.
A Liña de Wallace
Un dos descubrimentos máis importantes de Wallace foi a liña imaxinaria que leva o seu nome. Esta fronteira bioxeográfica separa as faunas do sueste asiático das da rexión australiana, reflectindo millóns de anos de illamento evolutivo.
Ao leste da Liña de Wallace encontramos marsupiais, aves do paraíso e especies únicas de Australasia. Ao oeste, a fauna típica de Asia — tigres, orangutáns, rinocerontes. Entre ambas rexións, algunhas illas actúan como zonas de transición fascinantes.
Este descubrimento fundou a bioxeografía moderna como disciplina científica.
O seu legado
Wallace foi moito máis que o codescubridor da selección natural. O seu pensamento abarcou campos tan diversos como a xustiza social, o feminismo e a conservación ambiental.
A Liña de Wallace e a súa obra sobre a distribución xeográfica dos animais fundaron a bioxeografía como disciplina científica moderna. O seu traballo segue sendo referencia fundamental.
Wallace foi un dos primeiros científicos en advertir sobre a destrución dos ecosistemas tropicais e a extinción de especies por acción humana. Un visionario cen anos antes do seu tempo.
Defensor do socialismo, do sufraxio feminino e da reforma agraria. Wallace cría que a ciencia debía estar ao servizo da xustiza social e do benestar de toda a humanidade.
Lugo · O Vello Cárcere · 2026
A exposición "Wallace e a Orixe das Especies" amosa en detalle a vida, as viaxes e o legado científico deste naturalista extraordinario. Entrada libre.